24/03/17

Abuelo!!!

Hoxe tocaba lectura... e a verdade é que tocou unha ben divertida! Laura e Nanyeli, de 5º e 6º curso respectivamente, escolleron un conto titulado "¡¡Abuelo...!!"  (autor: Carles Cano) e léronllelo aos compañeiros de clase na biblioteca Xanela. Un avó que ao contar os contos enredaba todo para a desesperación do seu neto, pero o avó non era tan despistado como aparentaba.
Botádelle unha ollada na nosa biblio!



18/03/17

Xa chegou Valoriño!


Despois de varias semanas, por fin chegou... Valoriño xa está aquí!
Como recordaredes houbo un concurso no centro para escoller a mascota do proxecto deste curso, "Na procura de Valoriño". Entre os debuxos de todos os participantes o xurado tivo moi difícil escoller o gañador pero este foi o deseño de Javier Sánchez Silgado, de 5º de Primaria.
Xa no antroido tivemos ocasión de ver a Valoriño polo noso centro con motivo da festa de Entroido.
E agora, para que teñamos sempre presente o que realmente importa, Valoriño acaba de tomar forma e volume e xa nos acompaña na planta baixa.
Que vos parece a foto do artista ao lado da súa creación? Fantástico, verdade?

17/03/17

Andrés cabeza abaixo, a lectura desta semana.

Como xa vén sendo habitual no noso centro, hoxe celebrouse a lectura dos venres, na biblioteca Xanela. As lectoras foron Carla e Michelle, de 5º nivel que leron para os seus compañeiros de 1º, 2º e 3º, e con grande éxito de convocatoria!
Escolleron o conto titulado "Andrés cabeza abaixo", unha historia na que o protagonista  acabou na barriga do lobo feroz, que estaba dentro da barriga do león famento, que estaba dentro da barriga do oso salvaxe, que estaba dentro da barriga do dragón terrible, que estaba dentro da barriga do ogro.
Os autores do libro  son Pablo Albo e Roger Olmos e está editado por Kalandraka.
Recordade que se queres disfrutalo de novo, podedes atopalo na nosa biblioteca.


10/03/17

Venres? Lectura!

Hoxe tivemos outra lectura na biblioteca, "O país dos mandóns". Os lectores foron os alumnos de 4º curso. En realidade levan toda a semana lendo para os seus compañeiros xa que consideraron que era unha lectura moi axeitada para estes días nos que se celebra o Día Internacional da Muller Traballadora. Esta mañá foron os alumnos de 4º, 5º e 6º os que tiveron ocasión de escoitalos. E abofé que o disfrutaron!

Manuel Rivas na Xanela!

O pasado venres tivemos o honor de recibir na nosa biblioteca Xanela a un dos autores galegos máis recoñecidos, Manuel Rivas. Con el estivemos a falar de literatura e máis concretamente de "Bala Perdida", a obra que lemos este curso. Foi un luxo escoitar da súa voz ao derradeiro pirata! Todos disfrutamos moito coa tertulia e esperamos telo novamente con nós.