22/06/17

Faladoiro literario... e rematamos!

la conferencia de los animales-erich kastner-9788420464848
Hoxe,  na biblioteca Xanela, tivemos a última sesión de faladoiros literarios. Se o outro día falabamos de "A illa de todas as illas" hoxe estivemos a compartir opinións sobre "La conferencia de los animales" de Erich Kastner.
En realidade fixemos unha mini-tertulia porque o tempo xa non daba para máis, pero aínda así deunos tempo a comentar o fundamental. En xeral foi un libro que gustou, con sentido do humor e cunha temática interesante. Os animais, ante a incompetencia dos humanos para poñerse de acordo acordan tomar decisións drásticas para garantir a paz no mundo.
Tamén aproveitamos para comentar que nos pareceu esta actividade ao longo do curso e o balance é positivo. A lista de lectura estaba composta por seis títulos, mitade galego e mitade castelán, e houbo teatro, novela e poesía.
Os rapaces comentaron varias cousas: que descubriron novas posibilidades na lectura, que saíron das habituais, que se animaron máis a ler...
Deixade aquí as vosas opinións, por favor, terémolas en conta para cursos vindeiros.
E por últimos xa despedir este curso. Moitas grazas a todos pola vosa participación en Xanela!

19/06/17

Aplaudan, exclamen, animen, berren!

En "A raíña de Turnedó", a lectura que nos fixeron estes días un grupo de alumnas de 5º curso, a participación do público é fundamental para acompañar aos fantásticos personaxes desta divertida corte real. Os nenos de 4º e 5º, asistentes a esta nova sesión de lectura en voz alta, disfrutaron moitísimo con esta historia.
A autora do libro é Gloria Sánchez e as ilustracións son de Pablo Otero. Está editado por Kalandraka. Tédelo á vosa disposición na biblioteca Xanela.
Mostrando 20170616_121642.jpgMostrando 20170616_120806.jpg

16/06/17

Xabier P. Docampo na nosa Xanela

Mostrando 20170613_102458.jpg
Os nenos de 5º e 6º estiveron a ler durante este trimestre "A illa de todas as illas" de Xabier P. Docampo. Nesta historia, tres rapaces chegan cos seus pais a unha illa que non ten nome, pero á  que todos chaman A Navalleira. Os mariñeiros contan que se escoitan voces e que a habitan seres como os das ilustracións dos libros antigos. Simón, Serafín e máis Sara percorrerán esta illa e descubrirán algúns dos seus segredos.
Despois de ler a historia e de celebrar a xa nosa habitual tertulia literaria, tivemos ademais a sorte de contar coa visita do autor que nos falou dunha chea de cousas relacionadas co seu libro, coa vida, coa sociedade... Todos o escoitamos abraiados polo que nos contaba e hipnotizados polas súas historias. Tamén nos amosou os seus tesouros e nos explicou por que para el son tan importantes estas aventuras que transcorren en illas: Robinson Crusoe, Venres, A illa misteriosa, A illa do tesouro...  Canto nos queda aínda por ler!
Foi un pracer e un honor contar coa presenza deste autor tan importante no panorama  literario galego. Moitas grazas!
Mostrando 20170613_114430.jpgMostrando 20170613_103213.jpg

09/06/17

E ti... Como curarías un arrefriado?

Mostrando 20170609_120909.jpg 
Natalia, Iván, Daira, Patricia, Anzuly e Sara, de 4º curso léronos hoxe un conto moi divertido, "Unha pantasma con asma", de Carmen Gil. Ademais fixeron unha presentación moi orixinal, con voces en eco. No conto coñecemos a unha pantasma que ten moitas enfermidades, pero tal como nos narra a historia descubrimos que moitos males se poden curar cun pouco de cariño.
Por certo, na páxina web da autora (pinchade no enlace) podedes atopar moitos dos seus poemas que seguron son igual de divertidos que os que escoitamos hoxe. Botádelle unha ollada.
Estes días andamos con moita présa na Xanela xa que son tantos os lectores voluntarios que non dimos abasto durante o curso. Así que tivemos que organizar sesións extraordinarias para dar cabida a todos eles. Pero todos estamos encantados con estas lecturas "extra" que nos agasallan!
E vós? Que destacaríades da lectura de hoxe?

05/06/17

Faladoiros literarios

Mostrando 20170605_113228.jpg
Hoxe tivemos outra dos nosos faladoiros literarios. Nesta ocasión falamos sobre "A illa de todas as illas" de Xabier P. Docampo. Estivemos lendo este libro nas últimas semanas e hoxe compartimos as nosas impresións sobre a novela, falamos dos personaxes, doutras illas..
Algúns comentaron que lles resultara unha lectura algo difícil pero aínda así descubriron novas posibilidades e a moitos entroulles curiosidade sobre outras lecturas ás que fai referencia o autor.
E a vindeira semana teremos con nós ao autor! Todo un luxo!
Quedouvos algo por comentar na tertulia? Aquí tedes unha fantástica xanela para facelo agora!

02/06/17

A guerra dos números!

Mostrando IMG-20170602-WA0000.jpg
Un grupo de nenos de 4º curso leron hoxe na Biblioteca Xanela o libro titulado "A guerra dos números". Os rapaces de Educación Infantil disfrutaron moito  coa historia  do número 1 que se sentía moi soíño.  
Se queredes saber como se soluciona, non tedes máis que atopar o libro na Xanela.
Noraboa aos lectores!

26/05/17

Nova lectura dos venres

Zulaimar non tiña avó... Por iso intentaba que todas as súas amigas lle prestaran o seu... Pero a partir desa ausencia Zulaimar é capaz de crear e imaxinar.
Antón, Helena, Elsa e Enya de 3º curso leron hoxe na biblioteca Xanela esta fantástica historia, "O avó de Zulaimar", escrito por Juan Carlos Méndez Guédez e ilustrado por Elsa Klever. Esta editado por Kalandraka e o podedes atopar na nosa biblioteca.
Se queredes descubrir o que creou Zulaimar, buscade nas páxinas desta historia!
Felicidades aos lectores por esta fantástica lectura!
Mostrando IMG-20170526-WA0000.jpg

19/05/17

Unha galiña azul?!

Hoxe, dentro das actividades previstas esta semana das Letras Galegas, un grupo de alumnos de diferentes cursos representaron "A galiña azul" de Carlos Casares. Un pobo enteiro revoluciónase porque hai unha galiña azul que pon ovos de cores! Rara? Non, diferente!
O alcalde quere eliminala pero os veciños argallarán algo para evitalo.
Todos disfrutamos moitísimo vendo aos nosos compañeiros no escenario e esperamos que haxa máis coma estas.
Noraboa aos participantes polo seu bo traballo!

18/05/17

Unha semana chea de... LETRAS!

Estes días non se para polo colexio! Todo ferve, todo se move... e todo en galego!
Como ben sabedes, este ano o día das Letras Galegas está adicado a Carlos Casares. Navegade polos enlaces para descubrir máis cousas sobre el e tamén sobre este día tan especial.
No colexio hai moitas actividades ademais das lecturas en voz alta habitual. As paredes enchéronse coas imaxes dos libros de Casares, a súa cara nos acompaña ata cando subimos as escaleiras..
O pasado martes os alumnos de 5º de Educación Primaria, nunha xornada maratoniana, leron para todo o colexio unha das obras máis coñecidas do autor homenaxeado, "As laranxas máis laranxas do todas as laranxas".  Foi unha lectura dramatizada que trouxo á nosa biblioteca  a Elías, Anxa, o veciño da escopeta, a veciña desdentada... Moito disfrutamos!

Os alumnos de 2º tamén leron para os cursos de 2º e 3º a obra "Lolo anda en bicicleta".
Outra das actividades que andamos a preparar é a representación teatral dunha adaptación de "A galiña azul", outra das obras de Carlos Casares. Será este venres, estade moi atentos, e participan alumnos de todas as clases.
E polo barrio tamén houbo unha chea de actividades. Quen foi á Foliada das Letras no Campo da Leña? Alí tamén disfrutamos unha barbaridade escoitando a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.
E vós? Sabedes dalgún outro evento? Contádenos!

05/05/17

Mamá, ti si que me entendes!

Resultado de imagen de ti si que me entendes
Que mellor forma de celebrar o Día da Nai que contando un conto?
Iso foi o que fixemos hoxe na Biblioteca Xanela, contar un conto para descubrir ese equipo tan importante que formamos os fillos coas nosas nais.
O título seleccionado foi "Mamá, ti si que me entendes", de Teresa Moure e coas marabillosas ilustracións de Leandro Lamas.
A lectura foi da man de Carla, Noa V. e Susana, de 5º curso, que nos deleitaron cunha fantástica posta en escea a través das marionetas confeccionadas por elas mesmas.
Noraboa ás lectoras!
E recordade dicirlles canto as queredes e darlles moitos bicos ás vosas nais todos os días, pero especialmente este domingo!

27/04/17

Eduardo Mendoza, premio Cervantes

Resultado de imagen de eduardo mendoza
Estes días fallouse o premio Cervantes que se outorgou a Eduardo Mendoza. Mendoza cultiva  principalmente o xénero de novela  pero tamén escribe ensaio e algúns relatos. É un autor cun estilo directo e claro que ambienta a maioría das súas historias en Barcelona. Xa recibira o premio Planeta en 2010 pola súa novela "Riña de gatos".
Neste enlace podes ler a noticia sobre o fallo do premio.

26/04/17

I Maratón de Lectura no Sanjurjo!

Este curso, para conmemorar o Día do Libro, o equipo de biblioteca organizou unha marabillosa maratón de lectura. Dende as nove ata as dúas da tarde (toda a xornada lectiva) a biblioteca Xanela estivo chea das voces dos alumnos e familiares voluntarios que nos trouxeron anaquiños das súas lecturas favoritas. Grazas a eles descubrimos unha chea de novas historias que seguro incorporaremos aos nosos desexos.
Pasaron todos os cursos pola Xanela. Dende aquí damos as grazas a todos aqueles que participaron. E por suposto, todo funcionou moito mellor polo estupendo traballo dos nosos axudantes Xanela.
Maratóns destas... todos os días!





07/04/17

Con un pouco de retraso... Pero moito que contar!

Ás veces o tempo se nos escapa entre os dedos como se fosen grans de area... Estes días a biblioteca estivo chea de actividades pero son días tamén moi axetreados, así que hoxe van aquí as reseñas das últimas lecturas e visitasque se fixeron:
- A VISITA DE CHINTO:
Chinto, o autor de "Minimaladas" estivo na nosa Xanela. Os alumnos de 4º curso leron este libro e disfrutaron moito escoitando as historias que sobre el lles contou o autor. Aquí vos deixamos unhas imaxes!
- CINCO MINUTOS DE PAZ!
Adrián, Candela e Noelia leron o conto así titulado. Fixérono con moito teatro para os alumnos de Educación Infantil. Aprendimos que  mamá tamén precisa un descanso de vez en cando.
- A SEMANA SOBRE O AUTISMO:
O día 2 de abril é o Día Mundial do autismo. Na biblioteca Xanela quixemos aprender un pouquiño máis sobre este síndrome e tamén concienciar ao alumnado sobre moitos dos seus aspectos. Tivemos lecturas toda a semana para os diferentes niveis a cargo de alumnos de diferentes cursos. Os libros seleccionados para compartir foron: "A coelliña Marcela", "Son especial para os meus amigos", "O cazo de Lorenzo" e "Está bien ser diferente"
Aquí vos deixo unha foto dos encargados e lectores da Semana do Autismo:

Canta información só nun día! Pero seguro que a disfrutades! Contádenos que vos pareceron todos os eventos, por favor, para nós é importante a vosa opinión. 

24/03/17

Abuelo!!!

Hoxe tocaba lectura... e a verdade é que tocou unha ben divertida! Laura e Nanyeli, de 5º e 6º curso respectivamente, escolleron un conto titulado "¡¡Abuelo...!!"  (autor: Carles Cano) e léronllelo aos compañeiros de clase na biblioteca Xanela. Un avó que ao contar os contos enredaba todo para a desesperación do seu neto, pero o avó non era tan despistado como aparentaba.
Botádelle unha ollada na nosa biblio!



18/03/17

Xa chegou Valoriño!


Despois de varias semanas, por fin chegou... Valoriño xa está aquí!
Como recordaredes houbo un concurso no centro para escoller a mascota do proxecto deste curso, "Na procura de Valoriño". Entre os debuxos de todos os participantes o xurado tivo moi difícil escoller o gañador pero este foi o deseño de Javier Sánchez Silgado, de 5º de Primaria.
Xa no antroido tivemos ocasión de ver a Valoriño polo noso centro con motivo da festa de Entroido.
E agora, para que teñamos sempre presente o que realmente importa, Valoriño acaba de tomar forma e volume e xa nos acompaña na planta baixa.
Que vos parece a foto do artista ao lado da súa creación? Fantástico, verdade?

17/03/17

Andrés cabeza abaixo, a lectura desta semana.

Como xa vén sendo habitual no noso centro, hoxe celebrouse a lectura dos venres, na biblioteca Xanela. As lectoras foron Carla e Michelle, de 5º nivel que leron para os seus compañeiros de 1º, 2º e 3º, e con grande éxito de convocatoria!
Escolleron o conto titulado "Andrés cabeza abaixo", unha historia na que o protagonista  acabou na barriga do lobo feroz, que estaba dentro da barriga do león famento, que estaba dentro da barriga do oso salvaxe, que estaba dentro da barriga do dragón terrible, que estaba dentro da barriga do ogro.
Os autores do libro  son Pablo Albo e Roger Olmos e está editado por Kalandraka.
Recordade que se queres disfrutalo de novo, podedes atopalo na nosa biblioteca.


10/03/17

Venres? Lectura!

Hoxe tivemos outra lectura na biblioteca, "O país dos mandóns". Os lectores foron os alumnos de 4º curso. En realidade levan toda a semana lendo para os seus compañeiros xa que consideraron que era unha lectura moi axeitada para estes días nos que se celebra o Día Internacional da Muller Traballadora. Esta mañá foron os alumnos de 4º, 5º e 6º os que tiveron ocasión de escoitalos. E abofé que o disfrutaron!

Manuel Rivas na Xanela!

O pasado venres tivemos o honor de recibir na nosa biblioteca Xanela a un dos autores galegos máis recoñecidos, Manuel Rivas. Con el estivemos a falar de literatura e máis concretamente de "Bala Perdida", a obra que lemos este curso. Foi un luxo escoitar da súa voz ao derradeiro pirata! Todos disfrutamos moito coa tertulia e esperamos telo novamente con nós.




17/02/17

Xa é venres: toca lectura!


A lectura en voz alta dos venres é unha das actividades  máis antigua da biblioteca Xanela e todos nos sentimos moi orgullosos dela. Dá gusto ver como os rapaces e rapazas van a cotío á biblioteca para preparar a súa lectura, como preparan con moito agarimo o mural de presentación...
Hoxe Yara, Nati e Christian de 4º curso leron "O traxe de luces", unha historia que nos fai reflexionar sobre o trato aos animais: un torero vai empezar torear pero os touros non se presentan na praza... Que pensades que ocurrirá?  Buscádeo na nosa biblioteca!


Unha semana moi atarefada!

Esta semana tivemos moitos acontecementos:
 O martes, día de San Valentín, os alumnos de 6º nos agasallaron cunhas marabillosas lecturas de poemas de amor. Divididos en grupos pasaron por todas as clases para compartir con nós os poemas que eles mesmos seleccionaron. A maioría deles proviñan do libro "111 poemas de amor".  Foi unha sorpresa estupenda!
O mércores tivemos a visita de Iago López, autor de "O cociñeiro Martiño".  Estivo cos alumnos de infantil e primeiro ciclo .A súa visita deixará tamén pegadas nos nosos corazóns xa que foi moi divertida e participativa. Un pracer telo no noso centro e na nosa biblioteca!


10/02/17

A lectura dos venres!

Hoxe foron Xandre e Martín, de 3º, os nosos lectores. Escolleron unha fantástica historia, Sacapenas, de Anthony Browne. Benito, o protagonista, estaba sempre moi preocupado por todo, pero a súa avoa sabe moi ben como axudarlle porque a ela lle pasaba o mesmo cando era pequena.
Con esta historia ademais de aprender a non ter presa, achegámonos a outra cultura, a guatamalteca, a través dos seus bonequiños sacapenas. Neste enlace podedes aprender algo máis sobre isto.
Podedes atopar o libro na nosa biblioteca Xanela.
Noraboa aos lectores pola súa lectura!




20/01/17

"Bala Perdida"



A lectura de hoxe estivo a cargo de Xiana, Susana e Pau, de 5º curso. Escolleron diferentes fragmentos de "Bala Perdida", de Manuel Rivas, e con eles nos levaron a espazos moi diversos: Atlán, a Alemania nazi, Fisterra...
Este é un dos libros de lectura obrigada en 5º e 6º curso este ano, e houbo moitas opinións ao respecto pero aqueles que lle adicaron o seu tempo puideron atopar moitas cousas interesantes nos seus personaxes.
Se vos apetece lelo, podedes atopalo na nosa biblioteca.
Por certo... Algún de vós sabe o que significa a expresión "ser un bala perdida"?

13/01/17

Gala e Sofía leron "Bailar nas nubes"

Hoxe tivemos lectoras de luxo na biblioteca, Gala e Sofía. Ben se nota que xa son alumnas de 6º porque son todas unhas expertas nisto de preparar a posta en escea!
Os rapaces de 3º e 4º puideron disfrutar dunha marabillosa experiencia escoitando falar dos desexos dunha nena que quería con todas as súas forzas bailar coas nubes. Unha historia que nos fala de inquedanzas, do respecto... O libro titúlase "Bailar nas nubes", de Vanina Starkoff.
Os que non puidestes asistir podedes agora buscar o libro na nosa biblioteca e disfrutalo nas súas páxinas... Ou tal vez lles poidades pedir a Gala e Sofía que volo lean na clase... Eu probaría!