27/10/11

Samaín, samaín!

Xa estamos a voltas un ano máis co Samaín! Nestes días tan de outono no noso colexio andamos a tolear: que se as cabazas, que se as guirnaldas, que se preparar os contacontos... Os nenos e nenas, os profes, as familias... Non paramos nin un momento para que o venres todo estea perfecto.
Xa están chegando as cabazas preparadas na casa ao colexio e hainas verdaderamente fantásticas! Non estades nerviosos? Cal será a máis terrorífica? A máis grande? A máis pequena? A máis orixinal?...
Pero a exposición de cabazas non é o único que faremos mañá, tamén teremos contacontos, fotos... Un chea de actividades para comezar o outono! Recordade que na wiki de proxectos da biblio podedes atopar moitos recursos para traballar na aula.

SAMAÍN from bibliocole on Vimeo.

24/10/11

Éxito da lectura en voz alta!


Nada máis e nada menos que 90 nenos e nenas asistiron o pasado venres á lectura en voz alta. Un éxito total! Andrea, Antonela, Alba, Raquel e Giselle de 4º curso foron as lectoras do día pero tamén as axudou Agatha de Educación Infantil. Leron "Pétala" de Pep Bruno. E a vós...? Que vos pareceu este conto? Non estades desexando saber quen son os próximos lectores?

18/10/11

Comezou a lectura en voz alta!


O venres pasado comezou unha das nosas actividades favoritas: a lectura en voz alta. Pouco a pouco fostes enchendo de solicitudes o buzón de Lusca. Isi, a nosa nova flamante coordinadora non o tivo doado para decidir quen lía nesta primeira sesión. Finalmente foron Carolina e Milka de 6º as seleccionadas. Leron "El dragón que quería ser violinista" de Luisa Villar Liébana. Nesta historia o dragón Godofredo intenta tocar un violín pero pensa que sendo tan grande coma el nunca poderá logralo. Así que non cre que non lle queda máis remedio que buscar outro traballo: Taxista? Bombeiro? Futbolista?... Finalmente a música resolverá o seu problema.
A asistencia de público foi, coma sempre, estupenda. Aquí vos deixamos as fotos, non olvidedes facer os vosos comentarios.

É MOI IMPORTANTE PARA O NOSO BLOGUE!



03/10/11

Xanela aberta!!!


Xa hai días que comezou o curso pero a nosa biblioteca aínda non podía abrir. Aínda así non pensedes que non tiña movemento! Os máis observadores seguro que vos decatastes que algo pasaba: Isi entraba e saía, os alumnos e alumnas de 5º e 6º entraban e saían... Que estaría a pasar? Que intriga! Moito nos tardaba pero hai uns días xa apareceu algunha nova nas portas das aulas. Que non sabedes de que falo? Hai que estar máis atentos!
Hoxe, por fin, é o gran día! Xanela abre as súas portas no recreo e así seguirá ata que remate o curso. Tamén a partir de mañá podedes vir polas tardes a facer traballos do cole ou ler tranquilamente.
Este ano ademais hai unha novidade moi importante, temos unha nova profe responsable da biblio, Isi, á que todos coñecedes. Estou segura de que estades encantados de tela todos os días pola nosa biblioteca, axudando a Lusca no seu traballo.
Aquí vos deixo unha foto do novo equipo de biblioteca. Seguro que con este grupo de traballo temos un curso fantástico!!

Vémonos na biblio!