27/04/11

Ana Mª Matute, premio Cervantes 2010


O 23 de abril de cada ano, dende 1976, e coincidindo coa celebración do Día do Libro, fállase o Premio Cervantes. Este ano dito premio recoñece o labor literario de Ana Mª Matute, unha das nosas autoras máis prolíficas que ademais está considerada como unha mellores novelistas españolas da posguerra. Ana Mª Matute convértese na terceira muller en obter este galardón. Ten moitas novelas e contos que teñen aos nenos e nenas como protagonistas. Para máis información sobre ela, picade nos enlaces e disfrutade destes vídeos. Neste enlace podedes tamén ler con calma o texto íntegro do seu discurso na entrega do premio.

enlace á reportaxe na TVE

15/04/11

"Camilón, comilón": lectura en voz alta de Ismael de 3º.

Hoxe celebramos no cole o día do libro e tivemos unha lectura moi divertida na hora do recreo, un libro titulado "Camilón, comilón". Camilón  ten fame, polo que empeza a pedir comida para chear a súa  cesta. E cando a teña repleta, que fará?
Un libro moi recomendable de Ana María Machado do Barco de vapor para traballar a amizade e o valor de compartir.

Lectura en voz alta de Antón: "O trasno burlón".


O venres pasado Antón contounos un conto moi interesante que ocorre na nosa cidade de A Coruña:  Brais o protagonista está emocionado ante a idea de viaxar a A Coruña para coñecer a Miquiños, o seu amigo por correspondencia. Os pequenos detectives descobren que Miquiños é un trasno disposto a pasar un bo anaco á conta súa

06/04/11

Lectura en voz alta de Natalia e Daniela de 1º: "Stelaluna".

Daniela e Natalia leron o pasado venres na biblioteca. Un libro precioso "Stelaluna", unha bonita historia dunha pequena morcego que se ve separada da súa nai e é adoptada por unha familia de paxaros.
A fraternidade, a integración, os costumes diferentes, fan de "Stelaluna" un libro interesantísimo para tratar o tema da convivencia e a solidariedade.


Moi ben, Daniela e Natalia!


A lectura deste conto fixo xurdir moitas dúbidas sobre as características deste animal, polo que na seguinte presentación podedes pescudar cousas moi interesantes sobre os morcegos.

04/04/11

Teatro LUME!

Hoxe veu visitarnos a compañía Babaluva coa obra de teatro “Lume” baseada nun libro do mesmo nome do escritor Alberto Varela Ferreiro. Os monicreques e os elementos escenográficos están feitos reutilizando obxectos cotiáns recoñecibles e sen apenas transformacións.
O conto di así…
Nun bosque onde vivían moitos animais algo pasou que fixo ladrar ao can…
Unha lapa chegou con ganas de facer lume e fume. O can chamou á vaca, a vaca ao cervo, o cervo á xabarila, a xabarila á landra, a landra preocupada foi buscar ao moucho que avisou a araña. A araña viu ao ourizo, o sapo alertou á garza que estaba comendo miñocas. A eiruga falou coa bolboreta, voluntariosas chegaron a vacaloura e ao esquío. E así foi como axudándose uns aos outros prepararon un plan para apagar o lume.