11/12/09

Parabéns, wiki-rapazada!



Un grupo de alumnos e alumnas de 6º formado por Alejandro, Andrea Castro, Andrea Villa, Brais, Marieta e Zineb, foron onte a Madrid á entrega de premios do X Certame A navegar Educared para recibir o galardón correspondente ao 2º premio na categoría II da modalidade "wiki" pola súa wiki Xanelas. Se queredes máis información sobre este tema podedes consultar o seu blogue de aula, Enredando.
Dende aquí as nosas felicitacións á wiki-rapazada!

09/12/09

Un conto contra a violencia de xénero

O venres pasado tres alumnas de 6º curso (Andrea Vázquez, Zineb e Rebeca) léronnos un conto na biblioteca, "Xela volveuse vampira". Levaban días preparándoo. Elas mesmas fixeron a selección da historia e os debuxos que acompañaron a sesión de contacontos. Outras dúas alumnas da mesma clase (Marieta e Silvia) presentaron a actividade facendo unha breve reflexión sobre o tema da violencia de xénero para a que buscaron información en internet.
Asistiron os alumnos e alumnas de 3º, 4º e 6º e creo que todos nos emocionamos ante a historia de Xela, unha muller que vai perdendo pouco a pouco a ilusión, a vida, por unha triste historia que lle tocou vivir. Se queredes averiguar o que lle pasou a Xela e cómo solucionou o seu problema non tedes máis que coller o libro na biblioteca.
Felicidades ás compañeiras que fixeron unha fantástica lectura pero sobre todo pola súa sensibilidade ante un problema social tan serio que nos afecta a tod@s.
Disfrutade das fotos da sesión.

01/12/09

José Emilio Pacheco, premio Cervantes

Onte fallouse o premio Miguel de Cervantes. Este un premio de moito prestixio que se concede cada ano, dende 1976, a un único autor de letras hispanas en recoñecemento ao seu traballo literario. O agraciado deste ano é José Emilio Pacheco, poeta e narrador mexicano. Pinchando nos enlaces atoparedes máis información e tamén un vídeo no que o podedes escoitar.
Aquí vos deixo un poema seu:
Indeseable

No me deja pasar el guardia.
He traspasado el límite de edad.
Provengo de un país que ya no existe.
Mis papeles no están en orden.
Me falta un sello.
Necesito otra firma.
No hablo el idioma.
No tengo cuenta en el banco.
Reprobé el examen de admisión.
Cancelaron mi puesto en la gran fábrica.
Me desemplearon hoy y para siempre.
Carezco por completo de influencias.
Llevo aquí en este mundo largo tiempo.
Y nuestros amos dicen que ya es hora
de callarme y hundirme en la basura.

29/11/09

As cousas de Xanela

Ao mesmo tempo que medra o número de usuarios na nosa biblioteca tamén medran algunhas que outras cosiñas que axudan ao seu funcionamento. Por un lado temos un fantástico bolsillero para os marcadores e uns chalecos de axudantes cos que nos será moi fácil identificalos cando precisemos a súa axuda. Por outro lado, temos que agradecer que o supermercado Familia da Rúa Monte Alto nos doara un carriño para transportar os materiais pola biblioteca. Colocar os libros vai ser moito máis doado deste xeito!

25/11/09

Cadea humana pola Paz e a Non Violencia

Debido á forte chuvia, a organización decidiu suspender a actividade prevista para hoxe na que o noso centro ía participar. Quedamos á espera da notificación da nova data.

24/11/09

Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia


O noso centro participa mañá, mércores, na iniciativa da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia, organizada polo Concello. Formaremos unha cada humana ao longo de todo o paseo marítimo, entre a Torre de Hércules e o Millenium, xunto con moitos outros coles da cidade. No enlace atoparedes máis información sobre o tema.
Mañá é ademais o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Escolleuse este día porque foi a data na que as Irmás Mirabal foron asasinadas por orde do dictador Trujillo, na República Dominicana. Esta data tivo carácter oficial a partir do recoñecemento da ONU en 1999.
Ao redor destes dous temas, tan directamente relacionados, estamos traballando nas aulas. Buscade información polos enlaces. Tamén podedes utilizar nas clases a seguinte webquest elaborada polo CEIP San Walabonso de Huelva.
Outros enlaces con material:
www.baiona.org (Actividades para traballar na aula)
Páxina do Concello

16/11/09

Vaia festa!

O pasado venres a ANPA organizou a festa do magosto no colexio. Foi pola tarde e foron moitos os nenos e nenas que se achegaron cos seus papás e mamás para celebrar xuntos esta festa. Primeiro houbo un contacontos co que todo o mundo riu un montón e logo a festa continuou fóra mentres se comían as castañas. Houbo gaiteiros, pandereteiras... E todos bailamos ao son da súa música! Moitas felicidades á ANPA pola organización.
Ao longo de toda a semana tamén nas aulas estivemos traballando este tema e decorando as clases e os corredores.
Disfrutade das fotos.

11/11/09

... E os peóns saltaron ao camiño!!

Ou o que é o mesmo... Ao patio do noso colexio. Qué ben o pasamos! Esta mañá todo o alumnado e o profesorado baixou ao patio logo do tempo de recreo; alí cantamos a canción do Día do Péon, dúas nenas de 5º leron o manifesto escrito por Suso de Toro e... Comezou o baile! Primeiro por ciclos e logo todos xuntos fixemos bailar os peóns, buxainas, danzaricos, bailaretes... Habíaos de fabricación propia, traídos da casa e comprados especiamente para a ocasión. Os días previos estiveramos traballando nas aulas buscando información sobre este xogo popular. Noraboa ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística pola fantástica organización. Aquí tedes algunhas das fotos.

09/11/09

Polo San Martiño, peóns ao camiño!


O vindeiro 11 de novembro celebraremos no cole o Día do Peón seguindo a proposta que nos fai a Rede Galega do Xogo Tradicional, Brinquedia. Somos moitos coles en Galicia os que participamos nesta convocatoria e no noso caso xa é a segunda vez que o facemos. O curso pasado pasámolo estupendamente bailando as nosas buxainas no patio. Este curso temos preparadas unha chea de actividades: exposición de peóns, construcción de bailaretes, cantar a canción, ler o manifesto escrito por Suso de Toro... Nestes enlaces que vos deixo podedes atopar unha chea de información sobre o tema, vídeos, arquivos musicais, etc. Tamén podedes ir a este outro enlace de Vieiros

07/11/09

o noso blogue vai medrando

Fixádevos na barra da dereita porque hai moitos enlaces novos: xogos, prensa, recursos... No apartado "Para aprender xogando" tedes moitas actividades. Teredes que ir probando para averiguar cales vos van mellor segundo a vosa idade ou os vosos gustos. Se entrades no blogue dende a casa pedídelle axuda aos maiores e facédeo xuntos, pode ser moi divertido!
No apartado de "Recursos" tedes dicionarios, atlas, enciclopedias...
Este enlace que vos destaco aquí ten actividades sobre un montón de temas. Non lle perdades a pista!

05/11/09

Lectura nos recreos

Dende a semana pasada a nosa biblioteca xa funciona nos recreos e a verdade é que a cousa vai moi ben. Son xa un bo grupo de nenos e nenas as que se achegan á biblio para disfrutar dun tempo tranquilo de lectura, para consultar os blogues do cole ou para facer algún traballo en equipo. Os rapaces e rapazas de 6º están colaborando na organización e tamén o están facendo realmente ben: axudan aos máis pequenos, manteñen a orde, colocan os libros... Todos estamos aínda aprendendo unhas cantas normas de funcionamento:
  • Se queremos ir á biblioteca, imos directamente dende a clase.
  • Temos que merendar antes de entrar na biblioteca. Á entrada temos o "punto de merenda" supervisado polos colaboradores.
  • Cando entramos na biblioteca movémonos tranquilamente e falamos baixiño. Non olvidamos recoller o noso marcador.
  • Se queremos saír da biblioteca podémolo facer pero logo non poderemos volver subir a ela.
  • Cando remata o recreo facemos unha fila e os colaboradores diranos cando podemos ir para a clase.
  • Podemos estar nos ordenadores en turnos de 15 minutos.
Aquí vos deixo unhas fotos destes primeiros días.

03/11/09

Magosto na Coruña

O vindeiro sábado temos moitas posibilidades para o noso tempo de ocio. O concello celebra o Magosto na Coruña. Podemos empezar pola mañá no MACUF ás 12:00 do mediodía cun obradoiro de creación de zonchos e tallado de cabazas. Logo ás 13:00 horas, tamén no MACUF, poderemos compartir un tempo con Pepe Carreiro, o ilustrador dos Bolechas.
A quen non lle dea tempo a ir ao MACUF ou pense que lle quede moi lonxe, non vai ter excusa pola tarde porque ás 17:00 horas empeza a festa na Cidade Vella, na Praza de Azcárraga (antigamente chamada a Praza da Fariña). Tamén haberá tallado de cabazas, títeres, encontro con Pepe Carreiro... Ata un roteiro de calaveiras iluminadas polas rúas da Cidade Vella!!! Non volo podedes perder!
Máis información na axenda do Concello.
Aquí vos deixo a programación para esta fin de semana. Xa vedes que hai moitas máis cousas... E para toda a familia!
PROGRAMACIÓN ATÉ O SÁBADO

30/10/09

Samhaín, Samhaín!!

Qué día, chic@s! Hoxe no colexio todo foi movemento, medo, sustos, máis medo, máis sustos... Todas as clases pasaron polo Salón de Actos para disfrutar da fantástica exposición de cabazas elaboradas polo alumnado e as súas familias. E vaia nivel de participación!! Nada menos que 92 cabazas! Moitas grazas a tod@s. Toda a organización correu a cargo do Equipo de Actividades Complementarias e o de Normalización Lingüística que se ocuparon tamén de decorar os corredores do colexio. Dende a Biblioteca colaboramos con sesións de contacontos, esta vez de medo como non podía ser doutra maneira, por suposto! Tamén montamos unha pequena exposición de libros sobre o tema. A min encantoume ter a toda a rapazada na nosa biblio. Iso si, estiven un pouco asustadas coas historias que nos contaron as profes. Aquí vos deixo unhas fotos para que o disfrutedes de novo.

28/10/09

Chega o Samhain!

Como todos os anos chega o Samhain ao noso cole e temos preparadas unha morea de actividades: exposición de cabazas, contacontos na biblioteca, murais, obradoiros... Non estades nerviosos? Ufff, eu estou que non respiro! Qué ganas teño de que chegue o día!
Aquí vos deixo un vídeo para que vaiades abrindo boca.

27/10/09

Guías de lectura

Nesta páxina podedes atopar uhna chea de títulos interesantes de libros para todas as idades. Tamen ten moita información sobre autores galegos que vos pode servir para facer algún traballo de clase. Só tedes que picar sobre a imaxe.
Interesante sobre todo para os adultos que queiran coñecer algo máis sobre os libros destinados aos máis pequenos.

13/10/09

Blog interesante


Belén, a nova profe de inglés deste curso, fálanos dun blog moi interesante onde podemos atopar diferentes recursos: contos, vídeos, manualidades... Ademais ten enlazados moitos outros blogs e páxinas tamén moi útiles. Botádelle unha ollada e a ver qué vos parece! Grazas, Belén.
Por certo, se atopades algún enlace que vos parece axeitado para este blog non deixedes de dicírnolo. O mellor é que enviedes o enlace por correo

05/10/09

Un novo curso cheo de ilusións!

Xa estamos de volta!!
Temos pensadas un montón de cousas para este novo curso que comeza a andar: lectura en voz alta, contacontos, autores, traballo coa formación documental e formación de usuarios, informatizar os fondos... Ufff! Agota de só pensalo! Pero pouco a pouco iremos facendo camiño así que non desesperedes.
Para empezar, este mes, ademais de comezar cos préstamos temos a celebración do Día Internacional das Bibliotecas Escolares e queremos que nos axudedes. Qué ideas tedes para conmemorar ese día tan especial? Deixade os vosos comentarios e tomarei boa nota.

31/05/09

Somos oleiros!

A semana pasada tivemos a sorte de compartir o noso tempo cuns oleiros de Buño que nos amosaron algúns dos segredos do seu oficio. Non hai máis que ver as fotos para ver o que disfrutamos e aprendimos coas mans na masa!

26/05/09

Xanela e Lusca botan a andar!

Logo de todo un curso de cambios: mobles, pintura, chan... Por fin abrimos a biblioteca escolar! A verdade é que nunca deixou de funcionar porque xa que o espazo estaba ocupado sacamos os libros e as ideas aos corredores do colexio, ás aulas, a onde fixera falla!
De tódolos xeitos tod@s nos sentimos moi felices de por fin abrir as portas, ou deberíamos dicir as xanelas porque ese vai ser o nome da nosa recén estreada biblioteca, XANELA, unha ventá a través da cal aprenderemos unha chea de cousas sobre o mundo que nos rodea. Xa vos iremos contando!
Outro dato importante é que a nosa mascota é Lusca, unha creación dunha alumna de 5º curso, Silvia Mouzo Prado. Seguro que vos soa o seu aspecto!
Como son moitas as cousas que vos temos que contar, imos pouco a pouco. Para empezar disfrutade coas primeiras imaxes da nosa biblio, Xanela.