22/06/17

Faladoiro literario... e rematamos!

la conferencia de los animales-erich kastner-9788420464848
Hoxe,  na biblioteca Xanela, tivemos a última sesión de faladoiros literarios. Se o outro día falabamos de "A illa de todas as illas" hoxe estivemos a compartir opinións sobre "La conferencia de los animales" de Erich Kastner.
En realidade fixemos unha mini-tertulia porque o tempo xa non daba para máis, pero aínda así deunos tempo a comentar o fundamental. En xeral foi un libro que gustou, con sentido do humor e cunha temática interesante. Os animais, ante a incompetencia dos humanos para poñerse de acordo acordan tomar decisións drásticas para garantir a paz no mundo.
Tamén aproveitamos para comentar que nos pareceu esta actividade ao longo do curso e o balance é positivo. A lista de lectura estaba composta por seis títulos, mitade galego e mitade castelán, e houbo teatro, novela e poesía.
Os rapaces comentaron varias cousas: que descubriron novas posibilidades na lectura, que saíron das habituais, que se animaron máis a ler...
Deixade aquí as vosas opinións, por favor, terémolas en conta para cursos vindeiros.
E por últimos xa despedir este curso. Moitas grazas a todos pola vosa participación en Xanela!

19/06/17

Aplaudan, exclamen, animen, berren!

En "A raíña de Turnedó", a lectura que nos fixeron estes días un grupo de alumnas de 5º curso, a participación do público é fundamental para acompañar aos fantásticos personaxes desta divertida corte real. Os nenos de 4º e 5º, asistentes a esta nova sesión de lectura en voz alta, disfrutaron moitísimo con esta historia.
A autora do libro é Gloria Sánchez e as ilustracións son de Pablo Otero. Está editado por Kalandraka. Tédelo á vosa disposición na biblioteca Xanela.
Mostrando 20170616_121642.jpgMostrando 20170616_120806.jpg

16/06/17

Xabier P. Docampo na nosa Xanela

Mostrando 20170613_102458.jpg
Os nenos de 5º e 6º estiveron a ler durante este trimestre "A illa de todas as illas" de Xabier P. Docampo. Nesta historia, tres rapaces chegan cos seus pais a unha illa que non ten nome, pero á  que todos chaman A Navalleira. Os mariñeiros contan que se escoitan voces e que a habitan seres como os das ilustracións dos libros antigos. Simón, Serafín e máis Sara percorrerán esta illa e descubrirán algúns dos seus segredos.
Despois de ler a historia e de celebrar a xa nosa habitual tertulia literaria, tivemos ademais a sorte de contar coa visita do autor que nos falou dunha chea de cousas relacionadas co seu libro, coa vida, coa sociedade... Todos o escoitamos abraiados polo que nos contaba e hipnotizados polas súas historias. Tamén nos amosou os seus tesouros e nos explicou por que para el son tan importantes estas aventuras que transcorren en illas: Robinson Crusoe, Venres, A illa misteriosa, A illa do tesouro...  Canto nos queda aínda por ler!
Foi un pracer e un honor contar coa presenza deste autor tan importante no panorama  literario galego. Moitas grazas!
Mostrando 20170613_114430.jpgMostrando 20170613_103213.jpg

09/06/17

E ti... Como curarías un arrefriado?

Mostrando 20170609_120909.jpg 
Natalia, Iván, Daira, Patricia, Anzuly e Sara, de 4º curso léronos hoxe un conto moi divertido, "Unha pantasma con asma", de Carmen Gil. Ademais fixeron unha presentación moi orixinal, con voces en eco. No conto coñecemos a unha pantasma que ten moitas enfermidades, pero tal como nos narra a historia descubrimos que moitos males se poden curar cun pouco de cariño.
Por certo, na páxina web da autora (pinchade no enlace) podedes atopar moitos dos seus poemas que seguron son igual de divertidos que os que escoitamos hoxe. Botádelle unha ollada.
Estes días andamos con moita présa na Xanela xa que son tantos os lectores voluntarios que non dimos abasto durante o curso. Así que tivemos que organizar sesións extraordinarias para dar cabida a todos eles. Pero todos estamos encantados con estas lecturas "extra" que nos agasallan!
E vós? Que destacaríades da lectura de hoxe?

05/06/17

Faladoiros literarios

Mostrando 20170605_113228.jpg
Hoxe tivemos outra dos nosos faladoiros literarios. Nesta ocasión falamos sobre "A illa de todas as illas" de Xabier P. Docampo. Estivemos lendo este libro nas últimas semanas e hoxe compartimos as nosas impresións sobre a novela, falamos dos personaxes, doutras illas..
Algúns comentaron que lles resultara unha lectura algo difícil pero aínda así descubriron novas posibilidades e a moitos entroulles curiosidade sobre outras lecturas ás que fai referencia o autor.
E a vindeira semana teremos con nós ao autor! Todo un luxo!
Quedouvos algo por comentar na tertulia? Aquí tedes unha fantástica xanela para facelo agora!

02/06/17

A guerra dos números!

Mostrando IMG-20170602-WA0000.jpg
Un grupo de nenos de 4º curso leron hoxe na Biblioteca Xanela o libro titulado "A guerra dos números". Os rapaces de Educación Infantil disfrutaron moito  coa historia  do número 1 que se sentía moi soíño.  
Se queredes saber como se soluciona, non tedes máis que atopar o libro na Xanela.
Noraboa aos lectores!

26/05/17

Nova lectura dos venres

Zulaimar non tiña avó... Por iso intentaba que todas as súas amigas lle prestaran o seu... Pero a partir desa ausencia Zulaimar é capaz de crear e imaxinar.
Antón, Helena, Elsa e Enya de 3º curso leron hoxe na biblioteca Xanela esta fantástica historia, "O avó de Zulaimar", escrito por Juan Carlos Méndez Guédez e ilustrado por Elsa Klever. Esta editado por Kalandraka e o podedes atopar na nosa biblioteca.
Se queredes descubrir o que creou Zulaimar, buscade nas páxinas desta historia!
Felicidades aos lectores por esta fantástica lectura!
Mostrando IMG-20170526-WA0000.jpg

19/05/17

Unha galiña azul?!

Hoxe, dentro das actividades previstas esta semana das Letras Galegas, un grupo de alumnos de diferentes cursos representaron "A galiña azul" de Carlos Casares. Un pobo enteiro revoluciónase porque hai unha galiña azul que pon ovos de cores! Rara? Non, diferente!
O alcalde quere eliminala pero os veciños argallarán algo para evitalo.
Todos disfrutamos moitísimo vendo aos nosos compañeiros no escenario e esperamos que haxa máis coma estas.
Noraboa aos participantes polo seu bo traballo!

18/05/17

Unha semana chea de... LETRAS!

Estes días non se para polo colexio! Todo ferve, todo se move... e todo en galego!
Como ben sabedes, este ano o día das Letras Galegas está adicado a Carlos Casares. Navegade polos enlaces para descubrir máis cousas sobre el e tamén sobre este día tan especial.
No colexio hai moitas actividades ademais das lecturas en voz alta habitual. As paredes enchéronse coas imaxes dos libros de Casares, a súa cara nos acompaña ata cando subimos as escaleiras..
O pasado martes os alumnos de 5º de Educación Primaria, nunha xornada maratoniana, leron para todo o colexio unha das obras máis coñecidas do autor homenaxeado, "As laranxas máis laranxas do todas as laranxas".  Foi unha lectura dramatizada que trouxo á nosa biblioteca  a Elías, Anxa, o veciño da escopeta, a veciña desdentada... Moito disfrutamos!

Os alumnos de 2º tamén leron para os cursos de 2º e 3º a obra "Lolo anda en bicicleta".
Outra das actividades que andamos a preparar é a representación teatral dunha adaptación de "A galiña azul", outra das obras de Carlos Casares. Será este venres, estade moi atentos, e participan alumnos de todas as clases.
E polo barrio tamén houbo unha chea de actividades. Quen foi á Foliada das Letras no Campo da Leña? Alí tamén disfrutamos unha barbaridade escoitando a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.
E vós? Sabedes dalgún outro evento? Contádenos!

05/05/17

Mamá, ti si que me entendes!

Resultado de imagen de ti si que me entendes
Que mellor forma de celebrar o Día da Nai que contando un conto?
Iso foi o que fixemos hoxe na Biblioteca Xanela, contar un conto para descubrir ese equipo tan importante que formamos os fillos coas nosas nais.
O título seleccionado foi "Mamá, ti si que me entendes", de Teresa Moure e coas marabillosas ilustracións de Leandro Lamas.
A lectura foi da man de Carla, Noa V. e Susana, de 5º curso, que nos deleitaron cunha fantástica posta en escea a través das marionetas confeccionadas por elas mesmas.
Noraboa ás lectoras!
E recordade dicirlles canto as queredes e darlles moitos bicos ás vosas nais todos os días, pero especialmente este domingo!